BAE Systems plc é unha compañía multinacional de defensa, seguridade e aeroespacial británica. A súa sede atópase en Londres e opera en todo o mundo. É o contratista de defensa máis grande de Europa[1] e está entre as máis grandes do mundo; foi clasificada como a terceira maior en función dos ingresos de 2017.[2][3] As súas principais operacións son no Reino Unido e nos Estados Unidos, onde a súa subsidiaria BAE Systems Inc. é un dos seis principais provedores do Departamento de Defensa estadounidense. Outros grandes mercados son Australia, India e Arabia Saudita, que xuntan ao redor do 20% das vendas totais de BAE.[4] É o fabricante máis grande do Reino Unido.[4] A compañía formouse o 30 de novembro de 1999 pola fusión de dúas empresas británicas: Marconi Electronic Systems (MES), a subsidiaria de General Electric Company plc (GEC) dedicada á electrónica de defensa e á construción naval, e British Aerospace (BAe), un fabricante de avións, munición e sistemas navais.
BAE Systems está involucrada en varios grandes proxectos de defensa, incluído o Lockheed Martin F-35 Lightning II, o Eurofighter Typhoon, o submarino clase Astute e os portaavións clase Queen Elizabeth. BAE Systems está listada na bolsa de Londres e é un integrante do índice FTSE 100.