EVOL
| EVOL | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Sonic Youth | |||||||
|
Título
| |||||||
|
Instancia de
| |||||||
|
Parte de
| |||||||
|
Forma artística
| |||||||
|
Xénero
| |||||||
|
Lingua
| |||||||
| Autoría | |||||||
|
Interpretado por
| |||||||
| Publicación | |||||||
|
Produtor/a
| |||||||
|
Selo discográfico
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| Wikidata | |||||||
EVOL é o terceiro álbum de estudio da banda estadounidense de rock alternativo Sonic Youth, editado en maio do ano 1986 a través do selo SST Records. É o primeiro traballo no que aparece o actual batería da banda Steve Shelley, que substituíra a Bob Bert a mediados de 1995. No disco pódese ver unha transición da sonoridade da banda, indo do son máis noise rock dos seus álbums anteriores cara a unha maior sensibilidade rock. A portada é unha fotografía de Lung Leg, tomada da película Submit to Me, de Richard Kern.
Neste disco atópase a primeira verdadeira colaboración nun traballo de Sonic Youth, ao gravar Mike Watt, da banda Minutemen, o baixo nos temas "In the Kingdom #19" e "Bubblegum" (esta segunda só aparecía como canción extra no CD). Nese momento foi cando o proxecto Ciccone Youth comezou a coller forma, e realmente as cancións "Into The Groovey" e "Tuff Titty Rap", aparecidas no seu The Whitey Album, foron gravadas nas sesións de EVOL[1].
En abril do ano 2016 a revista Rolling Stone colocouno no posto 30 da súa lista dos 40 mellores álbums de punk de todos os tempos.[2]
Antecedentes e gravación
[editar | editar a fonte]En xuño de 1985, durante a xira de Bad Moon Rising, Bob Bert deixou a banda e foi substituído por Steve Shelley. A nova formación comezou a traballar rapidamente en material para o seu terceiro álbum. A banda asinou un contrato con SST Records xa que, cara 1986, o seu fundador Greg Ginn estaba ansioso por afastarse das súas raíces hardcore. Sonic Youth tomou un descanso tras a xira e rematou as composicións para EVOL. En marzo de 1986 a banda gravou o disco en BC Studio con Martin Bisi.[3] EVOL foi a segunda vez na que o grupo traballou coa cantante e artista de Nova York Lydia Lunch. Lunch compartiu voces no tema "Death Valley '69" e compuxo a canción "Marilyn Moore" con Thurston Moore.
Mike Watt tocou o baixo nos temas "In the Kingdom #19" e na versión de "Bubblegum". A banda animouno a tocar no primeiro deses temas pouco despois da morte do seu compañeiro en Minutemen D. Boon nun accidente de tráfico. Casualmente, a canción fala tamén dun accidente na estrada. Watt entrara nunha severa depresión tras a morte de Boon e estaba considerando deixar a súa carreira na música. Watt falou do tempo que pasou cos membros de Sonic Youth durante a gravación do disco como un factor importante na súa decisión de continuar tocando.[3][4] A seguinte banda de Watt, Firehose, actuaría con Sonic Youth na xira Flaming Telepaths. Durante ese tempo o grupo iniciou o proxecto Ciccone Youth, que contaba con todos os membros de Sonic Youth e con Watt. Editaron un sinxelo formado por tres temas: "Into the Groove(y)" (unha versión do éxito de Madonna "Into the Groove", que incorporaba fragmentos da súa gravación) e a curta "Tuff Titty Rap" na cara a (ámbalas dúas interpretadas polos membros de Sonic Youth), e "Burnin' Up" (interpretada por Watt con guitarras adicionais de Greg Ginn) na cara b.[5] O proxecto deu como resultado en 1988 o disco The Whitey Album.
No álbum en formato vinilo, a lonxitude de "Expressway to Yr. Skull" está indicada co símbolo de infinito (∞); a parte final do tema ten unha rañura de bloqueo (locked groove), marcando o seu final teórico. A versión en CD engade unha canción extra: a versión do tema de Kim Fowley "Bubblegum". Segundo Watt, el e Shelley tocaron o ritmo básico sobre a gravación real de Fowley, que posteriormente foi eliminada cando os outros músicos engadiron as súas partes.
Presentación
[editar | editar a fonte]A portada do álbum ten unha imaxe da modelo/actriz Lung Leg, dun fotograma do filme de Richard Kern Submit to Me.[4] Leg xa aparecera anteriormente no video musical de "Death Valley '69" (dirixido por Kern e Judith Barry). A contraportada mostra unha fotografía en branco e negro da banda nun marco en forma de corazón. As 10 cancións do disco están listadas nunha orde diferente que á istaxe real. Os nomes dos membros tamén aparecen na contraportada, aínda que non se lles asignan instrumentos, e pode lerse "guitarras, voces, batería", con "baixo" agochado tras a fotografía da banda.[6]
O inserto inclúe a letra das cancións e a cara A representa a Thurston Moore, con ollos debuxados nas mans, sosténdoas diante da cara. Esta fotografía foi usada despois na portada do sinxelo de "Starpower". Á esquerda desta fotografía hai unha viñeta do cómic de Marvel The New Mutants (que se atopa na segunda páxina do número 14, publicado en abril de 1984). O outro lado ten imaxes das películas de terror Friday the 13th Part 2 e Children of the Corn, cun fotograma do filme de 1962 House of Women na que aparecen as protagonistas Constance Ford (sacando a lingua) e Barbara Nichols na esquina superior dereita. Esta imaxe só aparece na edición orixinal en vinilo de SST e nas reedicións en vinilo de despois de 2010. No resto das edicións a foto escureceuse.[7][8]
Promoción
[editar | editar a fonte]Sonic Youth estreou o novo material para EVOL o 12 de abril de 1986 en Austin, Texas; unha gravación dese concerto foi publicada posteriormente en 1992 como Live at the Continental Club. EVOL foi lanzado en maio de 1986 por SST en vinilo e casete. A banda realizou unha xira por Europa en maio e xuño, interpretando temas do álbum (aínda que nunca tocar ao vivo "In the Kingdom #19" e "Bubblegum"). A banda tamén estreou "White Kross", que máis tarde apareceu en Sister. Despois da xira europea fixeron unha xira polos Estados Unidos en xuño e xullo.[3] En xullo, a banda lanzou o único sinxelo de EVOL, "Starpower". Estaba acompañado por "Bubblegum" e unha versión editada de "Expressway to Yr. Skull". Nunca se publicou un vídeo de "Starpower". Porén, publicouse un vídeo de "Shadow of a Doubt" dirixido por Kevin Kerslake e no que aparecía Gordon sentada nun tren.[9] Despois da xira, a banda gravou a banda sonora de Made in USA, pero non se publicou ata 1995.[10] EVOL lanzouse en CD a finais de 1986.
Listaxe de cancións
[editar | editar a fonte]Tódolos temas escritos e compostos por Sonic Youth (Thurston Moore, Kim Gordon, Lee Ranaldo, Steve Shelley), agás onde se indique..
| N.º | Título | Letras | Voces | Duración |
|---|---|---|---|---|
| 1. | "Tom Violence" | Moore | Moore | 3:05 |
| 2. | "Shadow of a Doubt" | Gordon | Gordon | 3:32 |
| 3. | "Star Power" | Moore | Gordon | 4:48 |
| 4. | "In the Kingdom #19" | Ranaldo | Ranaldo | 3:24 |
| 5. | "Green Light" | Moore | Moore | 3:46 |
| 6. | "Death to Our Friends" | 3:16 | ||
| 7. | "Secret Girl" | Gordon | Gordon | 2:54 |
| 8. | "Marilyn Moore" | Lydia Lunch, Moore | ||
| 9. | Sin título | Moore | 4:04 | |
| 10. | "Expressway to Yr. Skull" | 7:19 |
| N.º | Título | Escritor(es) | Voces | Duración |
|---|---|---|---|---|
| 11. | "Bubblegum" | Kim Fowley | Gordon, Ranaldo | 2:49 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de maio de 2011. Consultado o 16 de febreiro de 2011.
- ↑ Rolling Stone (ed.). "Lista dos '40 mellores álbums de punk de todos os tempos'". Arquivado dende o orixinal o 07 de abril de 2016. Consultado o 7 de abril de 2016.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Sonic Youth (ed.). "EVOL". Consultado o 13 de outubro de 2016.
- ↑ 4,0 4,1 Browne, David (2009). Goodbye 20th Century: A Biography of Sonic Youth. Da Capo Press. ISBN 0306816032.
- ↑ Discogs (ed.). "Ciccone Youth Into the Groovy / Burnin' Up". Consultado o 13 de outubro de 2016.
- ↑ "Contraportada de EVOL". sonicyouth.com. Consultado o 7 de outubro de 2025.
- ↑ "Sonic Youth EVOL inner A". sonicyouth.com. Consultado o 7 de outubro de 2025.
- ↑ "Sonic Youth EVOL inner B". sonicyouth.com. Consultado o 7 de outubro de 2025.
- ↑ "Sonic Youth - Shadow of A Doubt". 2012-09-26. Consultado o 2025-11-16.
- ↑ "SONICYOUTH.COM DISCOGRAPHY - ALBUM: MADE IN USA". sonicyouth.com. Consultado o 2025-11-16.