Saltar ao contido

Nine Inch Nails

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nine Inch Nails
 Instancia de
 Composto por
Atticus Ross (2016 - ) Editar o valor en Wikidata
Obra
 Discografía
Datas
 Fundación / creación
1988 Editar o valor en Wikidata
 Inicio de actividade
1989 Editar o valor en Wikidata
Localización
 Lugar de formación
Premios
Identificadores
VIAF121137238 Editar o valor en Wikidata
ISNI0000000121493471 Editar o valor en Wikidata
Freebase/m/0jg77 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
 Páxina WEB
IMDB: nm0961129 Facebook: ninofficial Twitter: nineinchnails Instagram: nineinchnails Bluesky: nin.com Tumblr: nineinchnails MySpace: nin Youtube: UC4a5d57ZAWl999-YXw0C1Vg Vimeo: ninofficial TikTok: nineinchnails Souncloud: nineinchnails Spotify: 0X380XXQSNBYuleKzav5UO Apple Music: 107917 Last fm: Nine Inch Nails Musicbrainz: b7ffd2af-418f-4be2-bdd1-22f8b48613da Songkick: 241755 Discogs: 3857 Allmusic: mn0000351733 Deezer: 407 Genius: Nine-inch-nails Editar o valor en Wikidata
Wikidata G:Commons C:Commons

Nine Inch Nails (abreviado como NIN e escrito como NIИ) é unha banda de rock industrial estadounidense formada en Cleveland, Ohio en 1988 por Trent Reznor, que é o único membro permanente do grupo, e que fai as funcións de produtor, vocalista, compositor e instrumentista. A música de NIN abarca unha ampla gama de xéneros, conservando ao mesmo tempo un característico son utilizando instrumentos e procesadores electrónicos. Despois de gravar cada novo álbum, Reznor monta unha banda de directo para actuar con ela. No escenario, NIN adoita empregar espectaculares elementos visuais para acompañar a actuación, que frecuentemente remata cos músicos escachizando os seus instrumentos.

O público do underground recibiu calorosamente a música de Nine Inch Nails nos seus primeiros anos. Na década dos 90 a banda realizou varios influentes traballos que acadaron un certo grao de popularidade no público máis xeral, e moitos temas da banda convertéronse nun éxito nas radios. Dous dos seus discos recibiron premios Grammy, chegando a vender uns 20 millóns de discos en todo o mundo, 10'5 deles só nos Estados Unidos[1]. No ano 1997 Reznor apareceu na lista das persoas máis influentes do ano da revista Time[2], e a revista Spin describiuno como "o artista máis vital na música". No 2004, a Rolling Stone colocou a Nine Inch Nails no número 94 da súa lista de 100 mellores artistas de todos os tempos. A pesar destes feitos, a banda tivo varios enfrontamentos coa parte corporativa da industria discográfica. No ano 2007 estes conflitos remataron co anuncio de Reznor de que Nine Inch Nails rompería co seu selo, Interscope Records, e editaría os seus futuros lanzamentos independentemente[3].

Dende 1989, Nine Inch Nails leva editados oito álbums de estudio. Os dous máis recentes, Ghosts I–IV e The Slip, ambos os dous aparecidos no 2008, foron editados baixo licenzas Creative Commons. Os dous foron lanzados dixitalmente, aparecendo as súas edicións físicas posteriormente. A edición dixital de The Slip estivo dispoñible de xeito totalmente gratuíto. NIN estivo nomeada doce veces aos Grammy e gañouno dúas veces, para os temas "Wish" e "Happiness in Slavery", nos anos 1992 e 1995 respectivamente[4][5].

Formación

[editar | editar a fonte]

En 1987, Trent Reznor tocaba os teclados nunha banda de Cleveland chamada The Exotic Birds, xestionada por John Malm, Jr.[6] Reznor e Malm fixéronse amigos,[7] e cando Reznor deixou a banda para traballar na música el só, Malm informalmente converteuse no seu manager.[8] Nese tempo Reznor traballaba coma auxiliar de técnico e conserxe nos Right Track Studios,[9] e pediulle permiso ao dono dos mesmos, Bart Koster, para gravar algunhas demos do seu material nas horas no que o estudio non se usaba e Koster accedeu. Mentres montaba eses temas, as primeiras gravacións de Nine Inch Nails, Reznor foi incapaz de atopar unha banda que articulase ese material como el desexaba. Porén, inspirado por Prince, Reznor tocou todos os instrumentos agás as baterías. Na maioría das gravación da banda segue usando ese método, aínda que en ocasións teñen gravado outros músicos con el. En 1988, despois de realizar o seu primeiro concerto como entrante de Skinny Puppy, as ambicións de Reznor para Nine Inch Nails pasaban por editar un sinxelo de 12 polgadas nun pequeno selo europeo. Varios selos responderon interesados pola demo, e Reznor asinou con TVT Records. Seleccionáronse dez temas que foron editados, despois de seren revisados, como o primeiro álbum da banda en 1989, Pretty Hate Machine.

O logo de NIN deseñado por Trent Reznor e Gary Talpas.

Reznor dixo en 1994 que elixira o nome de "Nine Inch Nails" porque era "doado de abreviar", en vez de por "un significado literal". Outras explicacións circularon, alegando que Reznor o elixiu para referenciar a crucifixión de Xesús con cravos de nove polgadas, ou as garras de nove polgadas de Freddy Krueger. O logo de Nine Inch Nails, que consiste nas letras "NIИ" dentro dun bordo, foi deseñado por Reznor e Gary Talpas. O logo apareceu xa na estrea da banda, o sinxelo "Down in It", e inspirouse na tipografía do deseñador gráfico Tibor Kalman do álbum de Talking Heads Remain in Light. Talpas, nativo de Cleveland, continuou deseñando para NIN ata 1997, facendo as portadas para os álbums Pretty Hate Machine, Broken, The Downward Spiral, Further Down the Spiral e Closure, ademais dalgún sinxelo[10].

Pretty Hate Machine

[editar | editar a fonte]

Escrito, arranxado e interpretado por Trent Reznor, o primeiro álbum de Nine Inch Nails, Pretty Hate Machine, apareceu o 20 de outubro de 1989 a través do selo TVT Records[11]. O traballo marcou a primeira colaboración de Reznor con Adrian Sherwood (que produciu o sinxelo principal, "Down in It", en Londres sen coñecelo persoalmente) e con Mark "Flood" Ellis. A produción de Flood aparece na maioría das principais edicións de Nine Inch Nails ata o ano 1994, e Sherwood fixo remesturas para a banda ata os anos 2000. Reznor e os seus co-produtores expandiron as demos do Right Track Studio engadindo os sinxelos "Head Like a Hole" e "Sin". Após pasarse 115 semanas na lista Billboard 200[12], Pretty Hate Machine converteríase nun dos primeiros discos independentes en conseguir a certificación de platino. A MTV emitiu os vídeos de "Down in It" e "Head Like a Hole", pero un explícito vídeo de "Sin" só sería editado en 1997 no VHS Closure.

En 1990, NIN comezou a Pretty Hate Machine Tour Series, na cal xirou por Norteamérica e foi entrante de artistas como Peter Murphy e The Jesus and Mary Chain. Nine Inch Nails embarcouse posteriormente nunha xira mundial pasando tamén pola primeira edición do Lollapalooza en 1991. Despois dunha pobre recepción en Europa como entrante de Guns N' Roses, NIN volveu aos Estados Unidos no medio de presións por parte de TVT para producir a continuación de Pretty Hate Machine. En resposta, Reznor comezou a gravar en segredo baixo varios pseudónimos para evitar as interferencias da compañía.

En 1992 Nine Inch Nails editou Broken, un EP con seis cancións e dous temas extra. No libreto Reznor acreditou a banda de directo de 1991 como unha influencia no son do EP. Reznor caracterizou Broken como un "estoupido de distorsión" baseado en guitarra e "moito máis duro que Pretty Hate Machine". As cancións de Broken déronlle a NIN os seus dous premios Grammy: unha representación do primeiro sinxelo do EP "Happiness in Slavery" de Woodstock '94, e o segundo sinxelo "Wish". Reznor posteriormente bromeou dicindo que o seu epitafio debería ser: "REZNOR: Morreu. Dixo 'fist fuck', gañou un Grammy".

Peter Christopherson das bandas Coil e Throbbing Gristle dirixiu o vídeo do tema "Wish", pero a canción do EP cun vídeo máis infame foi "Happiness in Slavery". O vídeo foi prohibido en case todos lados debido ás súas imaxes onde aparecía o artista Bob Flanagan nu deitándose nunha máquina que lle dá pracer, o tortura e finalmente o mata. Un terceiro vídeo para "Pinion", que parcialmente foi incorporado para a apertura do programa da MTV Alternative Nation, amosaba un váter que lanzaba auga á boca dunha persoa vestida de bondage. Reznor e Christopherson reuniron estes tres vídeos xunto con filmacións para "Help Me I Am In Hell" e "Gave Up" nun vídeo de máis duración tamén chamado Broken. Este xira ao redor do asasinato dun mozo que é raptado e torturado mentres é obrigado a ver os vídeos. Nunca foi editado, aínda que apareceu de xeito encuberto nos círculos de venda ilegal.

Ademais gravouse un vídeo para "Gave Up" con Richard Patrick e Marilyn Manson filmado no 10050 de Cielo Drive (a casa onde foi asasinada Sharon Tate e renomeada coma "Le Pig studios" por Reznor). Tamén se filmou un directo de "Wish", e ambos vídeos aparecen no recompilatorio Closure de 1997. A Broken seguiuno o EP de remesturas Fixed a finais do ano 1992. No canto de facer unha xira de promoción do novo material, Reznor comezou a vivir e a gravar a tempo completo en "Le Pig", traballando no seu seguinte disco libre de restricións por parte do selo discográfico.

The Downward Spiral

[editar | editar a fonte]

O segundo álbum de Nine Inch Nails, The Downward Spiral, foi lanzado o 8 de marzo de 1994[13] acadou o número 2 na lista Billboard 200, onde pasou 115 semanas[14], sendo o disco da banda máis vendido nos Estados Unidos. Influenciado polos disco de finais dos 70 Low de David Bowie e The Wall de Pink Floyd, The Downward Spiral contén un amplo abano de texturas e atmosferas para ilustraren o progreso mental do personaxe central. Flood foi novamente co-produtor en varios temas do álbum, sendo esta a súa derradeira colaboración con Nine Inch Nails. Alan Moulder, colaborador habitual de Flood, mesturou a meirande parte de The Downward Spiral, e após isto colaborou habitualmente nas futuras producións da banda. O álbum foi gravado en Le Pig Studios.

Do traballo saíron dous sinxelos, "March of the Pigs" e "Closer", que xunto a "Hurt" e "Piggy" foron difundidos polas radios aínda que destes dous últimos non houbo unha edición en sinxelo. O vídeo de "Closer" foi dirixido por Mark Romanek e apareceu frecuentemente na MTV, aínda que a canle editou bastante a versión orixinal argumentando que era demasiado gráfica. Unha versión para a radio que corta determinadas partes da letra do tema tamén puido ser escoitada na radio con asiduidade. O vídeo Closure amosa partes da xira de NIN Self Destruct, e inclúe as interpretacións en directo de "Eraser", "Hurt" e un clip de "March of the Pigs" feito para a MTV.

Trent Reznor nun concerto da xira Self-Destruct

As críticas sobre The Downward Spiral polo xeral foron favorables: acadando o álbum no ano 2005 o posto 25 na lista da revista Spin dos "100 mellores álbums, 1985–2005", e no 2003 o posto 200 da lista da Rolling Stone doa "500 mellores álbums de todos os tempos". Despois da súa edición, Reznor produciu un álbum de remesturas titulado Further Down the Spiral, a única edición de NIN que non saíu cun gran selo en acadar o disco de ouro nos Estados Unidos. Conta coa colaboración do músico electrónico Aphex Twin, do produtor Rick Rubin e do guitarrista de Jane's Addiction Dave Navarro entre outros.

A xira Self-Destruct para promover o álbum acadou o seu punto máis alto coa actuación no festival Woodstock '94 que foi emitida na televisión por pago e vista nuns 24 millóns de fogares. A partir dese intre Nine Inch Nails acadou un considerable éxito no mainstream, mellorando as producións e incorporando elementos visuais aos seus concertos. Nese tempo, o perfeccionismo de Reznor no estudio, as súas adicións, e un bloqueo creativo prolongaron a produción do seu seguinte traballo.

En 1997 Reznor produciu a música para a película de David Lynch Lost Highway. Do álbum tirouse o sinxelo "The Perfect Drug", sendo o vídeo do tema dirixido novamente por Mark Romanek. No ano 2004 lanzouse unha edición deluxe de The Downward Spiral.

The Fragile

[editar | editar a fonte]

Pasaron cinco anos entre a aparición de The Downward Spiral e o seguinte álbum de estudio de Nine Inche Nails, The Fragile, editado como álbum dobre en setembro de 1999. Debido ao éxiro dos seus anteriores traballos, os medios de comunicación comezaron a falar de The Fragile un ano antes da súa edición. Cando o álbum foi finalmente lanzado estreouse no número 1 da lista Billboard 200[15], vendendo 228.000 copias a súa primeira semana e recibindo moi boas críticas. Porén The Fragile sairía dos 10 primeiros postos da lista só unha semana despois da súa edición, polo que Reznor tivo que pagar a seguinte xira por Norteamérica cos seus propios cartos.

Segundo Reznor, The Fragile foi concibido facendo "da composición, arranxos, produción e deseño de son [...] unha mesma cousa. Unha canción podería comezar cun loop de batería ou un concepto visual e finalmente o tema xorde diso e xa está". O produtor canadense Bob Ezrin foi consultado para a listaxe de cancións do álbum; o libreto do mesmo di que "proporcionou fluidez" ao disco.

Logo da edición do álbum o tema "Starfuckers, Inc." provocou especulacións nos medios de sobre quen falaba a satírica letra composta por Reznor. A crítica de Cinesexuality Patricia MacCormack interpreta a canción como un "ataque mordaz á escena musical alternativa", particularmente ao antigo amigo e protexido de Reznor Marilyn Manson. Os dous artistas deixaron de lado as súas diferenzas cando Manson apareceu no vídeo musical do tema, retitulado "Starsuckers, Inc." e actuou con NIN no Madison Square Garden no ano 2000. Nine Inch Nails editou tres sinxelos comerciais do álbum en distintos sitios: "The Day the World Went Away" en Norteamérica; "We're in This Together" na Unión Europea e o Xapón; e "Into the Void" en Australia.

Reznor continuou The Fragile con outro álbum de remesturas, Things Falling Apart, lanzado despois da xira do 2000 Fragility, na cal se gravou material que foi editado en CD, DVD e VHS no 2002 co nome And All that Could Have Been. Unha edición deluxe do CD en directo acompañado dun disco adicional chamado Still.

With Teeth

[editar | editar a fonte]

Pasaron seis anos ata que apareceu o cuarto álbum de Nine Inch Nails, With Teeth foi editado no ano 2005, aínda que se filtrou antes do seu lanzamento oficial. O álbum foi composto e gravado após a loita de Reznor contra o alcoholismo e o abuso de drogas. Ao igual que The Fragile, With Teeth se estreou na cima da lista Billboard 200. O deseño do álbum suprime o típico libreto; no seu lugar só aparece unha lista dos temas, os co-produtores e un enderezo web dun PDF coas letras e todos os créditos do disco. O álbum púxose en streaming no MySpace oficial da banda antes da súa data de edición. As críticas de With Teeth foron en xeral boas.

Un vídeo promocional da canción "The Hand That Feeds" estreouse na páxina da banda en marzo do 2005, en vez de nas canles musicais tradicionais. Reznor tamén editou os arquivos fonte do tema en formato GarageBand, permitindo aos fans remesturaren a canción. De xeito semellante Reznor publicou arquivos do segundo sinxelo do álbum, "Only", en distintos formatos, incluíndo Pro Tools e ACID Pro. David Fincher dirixiu o vídeo de "Only" usando principalmente imaxes xeradas por ordenador. O terceiro sinxelo, "Every Day Is Exactly the Same", foi editado en abril do 2006, aínda que o vídeo planeado para el foi rexeitado na posprodución do mesmo. A canción acadou a cima das listas da Billboard de cancións alternativas.

Nine Inch Nails comezou unha xira por Norteamérica no outono do ano 2005, con entrantes como Queens of the Stone Age, Autolux e Death from Above 1979. Outro entrante da xira, o artista de hip hop Saul Williams, actuou coa banda no festival Voodoo Music Experience en Nova Orleáns, antiga residencia de Reznor, onde actuaron de cabeza de cartel. Para rematar a época de With Teeth, NIN completou a xira norteamericana tocando en anfiteatros en verán do 2006, xunto a Bauhaus, TV on the Radio e Peaches. A finais dese ano, a páxina oficial da banda anunciou que un documental sobre a xira, titulado Beside You in Time, sería editado en tres formatos: DVD, HD DVD e Blu-ray Disc.

Year Zero

[editar | editar a fonte]
Flier do xogo de realidade alternativa Year Zero.

O quinto álbum de estudio de Nine Inch Nails, Year Zero, foi editado o 17 de abril de 2007, só dous anos despois de With Teeth, un cambio ao lento ritmo dos anteriores. Con letras escritas dende a perspectiva de múltiples personaxes, Reznor describe a Year Zero como un álbum conceptual que critica as políticas da época dos Estados Unidos e o impacto que terían no mundo nos seguintes anos.[16] As críticas do álbum foron en xeral positivas, cunha cualificación media de 76% en Metacritic.

Un xogo de realidade alternativa xurdiu paralelamente ao concepto de Year Zero, ampliando a historia que conta o álbum. Pistas ocultas no merchandise das xiras levou inicialmente aos seareiros a descubriren unha rede de páxinas web ficticias, web do xogo que describían "unha imaxe orweliana dos Estados Unidos cara ao ano 2022". Antes da edición do disco, algunhas cancións inéditas atopáronse en memorias USB ocultas en concertos da banda en Lisboa e Barcelona, como parte do xogo de realidade alternativa. A participación dos seareiros no xogo chamou a atención de medios como USA Today e Billboard, que citaron a páxina de fans The NIN Hotline, ao foro Echoing the Sound, ao club de fans The Spiral e a NinWiki como fontes de novos descubrimentos.

O primeiro sinxelo da banda, "Survivalism", e outros temas de Year Zero foron editados como ficheiros de son multipistas para que os fans os remesturasen. Un álbum de remesturas titulado Year Zero Remixed foi posteriormente lanzado, contendo remesturas de Year Zero feitas por outros artistas. O álbum de remesturas sería o derradeiro da banda cunha gran discográfica, xa que significou a fin do seu contrato con Interscope Records e NIN non o renovou. Este álbum acompañouse por unha páxina interactiva con descargas de audios e coa posibilidade de enviar as remesturas feitas polos usuarios.

Ghosts I–IV e The Slip

[editar | editar a fonte]

En febreiro do 2008 Reznor actualizou a web de Nine Inch Nails cunha mensaxe titulada "2 weeks" (2 semanas). O 2 de marzo Ghosts I–IV, un álbum instrumental de 36 temas, estaba dispoñible a través da páxina oficial da banda. Ghosts I–IV apareceu nun bo número de formatos e formas, dende a libre descarga do primeiro volume, ata a edición limitada Ultra-Deluxe de 300 dólares. A totalidade das 2.500 copias desta edición Ultra-Deluxe esgotáronse en tres días. O álbum foi composto de xeito imporovisado nun período de 10 semanas e entre os seus colaboradores inclúense Atticus Ross, Alan Moulder, Alessandro Cortini, Adrian Belew e Brian Viglione. Ghosts I–IV lanzouse baixo unha licenza Creative Commons.

Semellante ao anuncio que precedeu á edición de Ghosts I–IV, unha mensaxe na páxina da banda en abril do 2008 rezaba "2 weeks!". O 5 de maio Nine Inch Nails editou The Slip a través da súa páxina sen ningunha campaña de promoción previa. O álbum estivo dispoñible coma descarga gratuíta, protexida coa mesma licenza Creative Commons que Ghosts I–IV, e as súas descargas superaron os 1,4 millóns. The Slip foi posteriormente lanzado en CD como unha edición limitada de 250.000 copias.

Após a edición de Ghosts I–IV e The Slip anunciouse unha xira de 25 datas chamada Lights in the Sky en cidades norteamericanas, e posteriormente foi ampliada para incluír máis datas en Norteamérica e Suramérica. Cortini e Freese volveron formar parte da banda en directo, Robin Finck uniuse novamente a eles e Justin Meldal-Johnsen foi contratado como baixista. A finais do 2008 Freese e Coritini deixaron o grupo, e coa incorporación de Ilan Rubin na batería a banda converteuse nun cuarteto. En xaneiro do 2009 Reznor subiu material non editado de tres concertos que podía ser descargado vía BitTorrent.

Fin da xira

[editar | editar a fonte]

En febreiro do 2009 Reznor falou na páxina da banda sobre o futuro de Nine Inch Nails, dicindo que "estiven pensando durante algún tempo que é momento de facer desaparecer a NIN durante unha tempada". Reznor dixo que o proxecto de Nine Inch Nails remataría como banda en directo despois da xira Wave Goodbye, que comezou en febreiro en Australia, pasou en maio e xuño por Norteamérica, e continuou por Europa nos meses de verán para rematar o 10 de setembro nos Ánxeles no que sería o derradeiro concerto de Nine Inch Nails. No mes seguinte a banda comezou a vender parte do equipo de xira a través de Ebay.

Trent Reznor indicou na páxina da banda que continuaría traballando como Nine Inch Nails e con outros proxectos despois da xira, e que pensara editar material novo co nome Nine Inch Nails no ano 2010. Unha actualización no Twitter oficial do grupo aludiu a unha reedición de The Fragile prevista para ese ano. O 9 de febreiro Trent Reznor comezou a subir fotos do estudio de gravación á páxina principal de nin.com, acompañadas dun "?".

No ano 2009 revelárase que Reznor estaba a traballar nun proxecto, xunto coa súa muller Mariqueen Maandig e o músico e compositor Atticus Ross, chamado How to Destroy Angels. A súa primeira edición, un EP de seis temas autotitulado, estivo dispoñible como descarga de balde o 1 de xuño do 2010.

Novamente con Atticus Ross, Reznor co-escribiu a música para a película de David Fincher The Social Network. Unha mostra de cinco temas apareceu como descarga dixital o 17 de setembro do 2010, e o álbum enteiro editouse dixitalmente o 28 de setembro. No mes de outubro lanzáronse varios formatos físicos do disco. O 16 de xaneiro de 2011 Reznor e Ross gañaron o Globo de Ouro á mellor banda sonora, e o 27 de febreiro recibiron o Oscar na mesma categoría pola súa música para The Social Network.

Despois da estrea da película editouse o 22 de novembro unha versión remasterizada do seu primeiro álbum, Pretty Hate Machine.

Volta ás actuacións

[editar | editar a fonte]

Nunha entrevista coa BBC Radio 1, Reznor indicou que escribiría durante a maior parte de 2012 con Nine Inch Nails "en mente".[17] Reznor finalmente confirmou que estaba traballando en novo material de Nine Inch Nails e que a banda podería volver actuar en directo.[18][19][20] En febreiro do ano 2013 Trent Reznor anunciou que a banda volvería ás estradas realizando unha gran xira, bautizada Twenty Thirteen Tour, a partir do verán dese ano, e que probablemente se estendería ata o ano 2014. Tamén revelou os membros que formarían a banda para eses concertos. Ao propio Reznor se lle unirán Eric Avery de Jane's Addiction, Adrian Belew de King Crimson, e Josh Eustis de Telefon Tel Aviv, ademais dos anteriores membros da banda en directo Alessandro Cortini e Ilan Rubin.[21] Porén, tanto Avery como Belew deixaron a banda de xira antes de que comezasen as actuacións,[22][23] e o ex membro Robin Finck volveu para ocupar o seu lugar.[24][25]

A banda en Milán en 2013

O 3 de setembro de 2013 Nine Inch Nails publicou o seu oitavo álbum de estudio, Hesitation Marks, que incorporaba ritmos que lembran aos seus primeiros traballos, pero máis extenso e cun caráctar máis teatral. Ademais de a Adrian Belew, Reznor contratou ao baixista Pino Palladino xunto con Lindsey Buckingham de Todd Rundgren e Fleetwood Mac para lograr varios elementos de art-rock.[26]

O álbum produciu tres sinxelos, todos lanzados antes do propio álbum. "Came Back Haunted" foi lanzado o 6 de xuño,[27] cun vídeo musical que incluía unha advertencia sobre unha crise epiléptica.[28] O segundo sinxelo, "Copy of A", foi lanzado o 12 de agosto de forma gratuíta para os titulares de contas de Amazon.com nos Estados Unidos e no Reino Unido.[29] "Everything" foi o terceiro e último sinxelo, gravado durante as sesións do álbum de grandes éxitos de Nine Inch Nails. As sesións deron paso a máis cancións que acabaron dando lugar ao álbum completo.[30]

En xullo a banda iniciou a xira Twenty Thirteen Tour, que comezou cunha serie de aparicións en festivais como o Fuji Rock Festival, o Pukkelpop, o Hockenheim, o Rock'n'Heim de Alemaña e os festivais de Reading e Leeds en agosto.[31][32] A etapa norteamericana da xira Tension 2013 durou de setembro a novembro e engadiu a Palladino, Lisa Fischer e Sharlotte Gibson ao cartel, xunto con Godspeed You! Black Emperor e Explosions in the Sky como abreconcertos.[33][34] Esta etapa da xira foi documentada e lanzada na primavera como Nine Inch Nails Tension 2013.[35]

En 2014 a banda ampliou a súa xira mundial como cuarteto. A nova formación incluía os colaboradores anteriores Ilan Rubin, Alessandro Cortini e Robin Finck.[36][37] Queens of the Stone Age uniuse á banda para a xira por Australia e Nova Zelandia, durante a cal un lanzamento de moeda nocturno determinaba quen abriía a noite.[38] A xira pechouse en Europa co grupo de synth-pop de apoio Cold Cave.[39] Despois dun descanso dun mes, Nine Inch Nails volveu de xira nunha xunto con Soundgarden. A viaxe de 23 días estendeuse por todo o territorio continental dos Estados Unidos, co grupo de hip-hop experimental Death Grips programado para abrir a maioría dos concertos.[40] Dúas semanas antes da xira, Death Grips anunciou a súa disolución e cancelou todos os concertos posteriores.[41] Oneohtrix Point Never, The Dillinger Escape Plan e Cold Cave substituíron a Death Grips por separado na xira.[42]

En 2014, o seu primeiro ano de elixibilidade,[43] Nine Inch Nails foi nomeado para o ingreso no Salón da Fama do Rock and Roll xunto con outros 14 candidatos.[44] Aínda que non foron incluídos ese ano, a banda quedou en segundo lugar na votación dos fans dos nomeados para o Salón da Fama do Rock and Roll de 2015.[45] En 2015 Nine Inch Nails foi nomeado unha vez máis,[46] pero ese ano non volveron ser incluídos.

En xuño de 2015 Nine Inch Nails lanzou versións instrumentais de The Fragile e With Teeth para escoitar exclusivamente en Apple Music, un servizo do que Reznor era director creativo xefe.[47] Nunha entrevista para promover o servizo, Reznor mencionou que comezara a "transgredir con algunhas cousas" con respecto a un novo álbum de Nine Inch Nails, afirmando "Non é un disco que estea a intentar rematar nun mes. É máis ben tantear na escuridade e ver o que soa interesante".[48] En decembro de 2015 Reznor informou que "Nine Inch Nails volverá en 2016".[49]

The Trilogy (Not the Actual Events / Add Violence / Bad Witch)

[editar | editar a fonte]

En outubro de 2016, en resposta á pregunta dun fan sobre a falta de música nova de Nine Inch Nails, Reznor respondeu con "2016 aínda non rematou".[50] En decembro de 2016 Reznor comentou sobre a súa declaración sobre o regreso de Nine Inch Nails a finais de ano: "Esas palabras saíron da miña boca, non si? ... Só espera e verás que pasa".[51] Tres días despois, Reznor anunciou un EP titulado Not the Actual Events,[52] xunto con reedicións de Broken, The Downward Spiral e The Fragile, con posteriores reedicións de With Teeth, Year Zero e The Slip que se lanzarían máis tarde en 2017;[53] con todo, estes plans fracasaron. Tamén se anunciou The Fragile: Deviations 1, que constaba de 37 temas instrumentais, alternativos e inéditos, moitos dos cales nunca se escoitaran antes en ningún lugar.[54][55] Not the Actual Events lanzouse o 23 de decembro de 2016, e os fans que o reservaran recibiron as súas ligazóns de descarga un día antes.[56] Tamén se revelou que Atticus Ross era un membro oficial a tempo completo da banda, o primeiro membro ademais de Reznor en engadirse á banda.[57]

A principios de 2017 a banda anunciou tres datas como cabeza de cartel en festivais en América do Norte. En xaneiro dese ano anunciouse que Nine Inche Nails actuaría no Panorama Music Festival de Nova York o 30 de xullo.[58] O 21 de marzo o grupo anunciou na súa páxina oficial de Facebook que sería cabeza de cartel o terceiro día do FYF Fest nos Ánxeles o 23 de xullo. Na mesma publicación, a banda tamén anunciou a súa formación de xira para 2017, que incluía a Reznor e Ross xunto coa formación da xira de 2014: Robin Finck, Alessandro Cortini e Ilan Rubin. Nine Incha Nails apareceu no episodio "Part 8" da terceira tempada de Twin Peaks, interpretando a súa canción "She's Gone Away".[59]

En xuño de 2017, nun correo electrónico enviado aos clientes que agardaban por pedidos de vinilo atrasados, Reznor confirmou que Not the Actual Events sería en realidade a primeira parte dunha triloxía de EPs, coa segunda entrega, Add Violence, publicada o 21 de xullo[60] e o terceiro e último EP da triloxía en 2018.[61][62][63] O sinxelo "Less Than" lanzouse unha semana antes do lanzamento do segundo EP.[64]

Actuacións ao vivo

[editar | editar a fonte]

Reznor é o único membro oficial de Nine Inch Nails. Porén, normalmente se rodea dun grupo de músicos para interpretar as cancións en directo. Esta banda, tamén coñecida como Nine Inch Nails, arranxa os temas de estudio do grupo para crear un son distinto ao dos discos de Reznor. Os membros do grupo ocasionalmente foron convidados a participar no proceso de gravación, pero o control creativo sempre o tivo Reznor.

O proxecto Tapeworm foi creado en 1995 como un proxecto paralelo de Nine Inch Nails entre Reznor e varios membros da banda ao vivo como un ambiente creativo máis "democrático". A banda inicialmente incluíu a Danny Lohner e a Charlie Clouser, pero expandiuse para que ingresasen os colaboradores de Nine Inch Nails Josh Freese, Atticus Ross e Alan Moulder. Porén, despois de 9 anos de sesións de estudio, ningún material foi oficialmente editado, e confirmouse que xa non estaba activo en 2005.

A formación da banda ao vivo tende a cambiar drasticamente entre as grandes xiras do grupo: ademais de Reznor encargándose das voces, teclados e guitarra, ningún membro permaneceu dende a súa orixe. Reznor citou o longo período de xestación entre os álbums de estudio como parte das razóns para eses frecuentes cambios de persoal, ademais do seu desexo de refrecar a interpretación da súa música. En 2009, a derradeira encarnación da banda ao vivo contou con Reznor, Robin Finck (á parte de Reznor, Finck tocou na meirande parte das xiras), Justin Meldal-Johnsen e Ilan Rubin.

Discografía

[editar | editar a fonte]

Álbums de estudio

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo Observacións
Pretty Hate Machine 1989 TVT Records
Broken 1992 TVT/Nothing
EP
The Downward Spiral 1994 Nothing Records
The Fragile 1999 Nothing Records
With Teeth 2005 Interscope Records
Year Zero 2007 Interscope Records
Ghosts I–IV 2008 The Null Corporation
The Slip 2008 The Null Corporation
Hesitation Marks 2013 Columbia Records
Not the Actual Events 2016 The Null Corporation EP
Add Violence 2017 The Null Corporation EP
Bad Witch 2018 The Null Corporation
Ghosts V: Together 2020 The Null Corporation
Ghosts VI: Locusts 2020 The Null Corporation
Tron: Ares 2025 The Null Corporation

Álbums de remesturas

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
Further Down the Spiral 1995 Nothing Records
Things Falling Apart 1995 Nothing Records
Year Zero Remixed 2007 Interscope

Álbums en directo

[editar | editar a fonte]
  1. "Artistas con máis vendas nos Estados Unidos". Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2013. Consultado o 26 de febreiro de 2011. 
  2. "25 estadounidenses máis influentes de 1997 da revista Time". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2011. Consultado o 26 de febreiro de 2011. 
  3. "Nine Inch Nails rompe o seu comtrato con Interscope, Billboard.com". Arquivado dende o orixinal o 29 de xaneiro de 2012. Consultado o 26 de febreiro de 2011. 
  4. Grammys da categoría de rock de 1992
  5. Grammys da categoría de rock de 1995
  6. Weisbard, Eric (febreiro de 1996). "Sympathy for the Devil". Spin 11 (11): 34–42, 96. ISSN 0886-3032. 
  7. Huxley 1997, p. 33
  8. Reznor v. J. Artist Management, Inc. et al., 365 F. Supp. 2d 565 (S.D.N.Y. 2005).
  9. "Nine Inch Nails | Biography & History". AllMusic (en inglés). Consultado o 2019-11-23. 
  10. "Persoas da zona de Cleveland que colaboraron con Trent Reznor". Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2007. Consultado o 26 de agosto de 2018. 
  11. http://www.ninwiki.com/Pretty_Hate_Machine
  12. Pretty Hate Machine nas listas da Billboard
  13. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2009. Consultado o 01 de marzo de 2011. 
  14. The Downward Spiral nas listas da Billboard
  15. The Fragile nas listas da Billboard
  16. "Trent Reznor Blasts The American Government - GIGWISE". www.gigwise.com (en inglés). Consultado o 2026-01-09. 
  17. Tate, Corey. "Trent Reznor: Nine Inch Nails Returns In 2012". www.thespacelab.tv (en inglés). Consultado o 2025-12-27. 
  18. Pelly, Jenn (2012-11-07). "New Nine Inch Nails Material Definitely in the Works". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2025-12-27. 
  19. Doyle, Patrick (2012-11-07). "Trent Reznor: Nine Inch Nails Working on New Music, Possible Tour". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2025-12-27. 
  20. "New Nine Inch Nails material 'in the works'". NME.COM (en inglés). Consultado o 2025-12-27. 
  21. Pitchfork Media - Trent Reznor Announces the Return of Nine Inch Nails: Extensive Touring for 2013 and 2014(en inglés)
  22. "rollingstone.es - Eric Avery deja Nine Inch Nails" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2013. Consultado o 17 de maio de 2013. 
  23. Battan, Carrie (2013-06-07). "Adrian Belew Quits Nine Inch Nails: "It Didn't Work"". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2025-12-27. 
  24. Anuncio no facebook da banda da inclusión de Robin Finck (en inglés)(en inglés)
  25. Battan, Carrie (2013-05-17). "Former Nine Inch Nails/Guns 'N Roses Guitarist Robin Finck Joins NIN Tour Lineup". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2025-12-27. 
  26. "Hesitation Marks - Nine Inch Nails". AllMusic (en inglés). Consultado o 2025-12-27. 
  27. Danton, Eric R. (2013-06-06). "Hear Nine Inch Nails' New Single 'Came Back Haunted'". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2025-12-27. 
  28. Blistein, Jon (2013-06-27). "Nine Inch Nails Photos Preview 'Came Back Haunted' Clip". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2025-12-27. 
  29. Battan, Carrie (2013-08-12). "Listen: Nine Inch Nails: "Copy of A"". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2025-12-27. 
  30. Beaumont, Mark (2013-08-08). "The nine lives of Trent Reznor". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2025-12-27. 
  31. Young, Alex (2013-02-27). "Nine Inch Nails to play Fuji Rock Festival 2013". Consequence (en inglés). Consultado o 2026-01-01. 
  32. Battan, Carrie (2013-02-27). "Nine Inch Nails Announce First Shows of Big Return". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2026-01-01. 
  33. "Nine Inch Nails Announce 'Tension 2013' US Arena Tour". etceteracide.com. Consultado o 2026-01-01. 
  34. "The dark & the light of Nine Inch Nails' tour opener in St. Paul". www.startribune.com. Consultado o 2026-01-02. 
  35. "Nine Inch Nails Unveil 'Tension' Tour Concert Film". Loudwire (en inglés). 2013-12-05. Consultado o 2026-01-02. 
  36. Martins, Chris (2013-12-05). "Nine Inch Nails Will Tour With a New Lineup in 2014". SPIN (en inglés). Consultado o 2026-01-08. 
  37. "Nine Inch Nails to tour with new band line-up in 2014". www.gigwise.com. Consultado o 2026-01-08. 
  38. Minsker, Evan (2013-10-09). "Nine Inch Nails and Queens of the Stone Age Announce Tour". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2026-01-08. 
  39. "Nine Inch Nails tickets for 2014 UK arena tour on sale now". www.gigwise.com. Consultado o 2026-01-08. 
  40. Coleman, Miriam (2014-03-16). "Nine Inch Nails, Soundgarden Embarking on Joint Tour". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2026-01-08. 
  41. "Trent Reznor Responds to Death Grips Breakup; Wins Twitter". Relix Media (en inglés). 2014-07-03. Consultado o 2026-01-08. 
  42. Minsker, Evan (2014-07-14). "Oneohtrix Point Never, Cold Cave, Dillinger Escape Plan Replace Death Grips on Nine Inch Nails/Soundgarden Tour". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2026-01-08. 
  43. Greene, Andy (2014-10-09). "Green Day, NIN, Smiths Nominated for Hall of Fame". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2026-01-09. 
  44. Hare, Breeanna (2014-12-16). "Rock and Roll Hall of Fame: Meet the 2015 class". CNN (en inglés). Consultado o 2026-01-09. 
  45. "I voted for "Voting Has Closed!: The 2015 Rock and Roll Hall of Fame Nominees Fan Vote"". rockhall.com. Consultado o 2026-01-09. 
  46. "Vote for the 2016 Rock and Roll Hall of Fame Inductees". Rolling Stone (en inglés). 2015-10-08. Consultado o 2026-01-09. 
  47. Joyce, Colin (2015-06-30). "Nine Inch Nails Release Instrumental Versions of ‘The Fragile,’ ‘With Teeth’ on Apple Music". SPIN (en inglés). Consultado o 2026-01-09. 
  48. "TRENT REZNOR Speaks Out On APPLE MUSIC, New NINE INCH NAILS". BLABBERMOUTH.NET (en inglés). 2015-07-02. Consultado o 2026-01-09. 
  49. Gordon, Jeremy (2015-12-18). "Trent Reznor Says Nine Inch Nails Will Return in 2016". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2026-01-09. 
  50. Young, Alex (2016-10-06). "Trent Reznor on the return of Nine Inch Nails: "2016 is not over yet"". Consequence (en inglés). Consultado o 2026-01-10. 
  51. Grow, Kory (2016-12-13). "Trent Reznor Talks New Nine Inch Nails, Boundary-Pushing Soundtracks". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2026-01-10. 
  52. "Not The Actual Events EP out 23 Dec. Preorder now. 180g Vinyl and Limited Digital + Physical Component version". Twitter. Consultado o 10 de xaneiro de 2026. 
  53. "All Nine Inch Nails Records Being Reissued On Vinyl". nine inch nails (en inglés). 2016-12-16. Consultado o 2026-01-10. 
  54. "The Fragile: Deviations 1 Limited Edition 4X Vinyl Available for Preorder Now". nine inch nails (en inglés). 2016-12-16. Consultado o 2026-01-10. 
  55. Kreps, Daniel (2016-12-23). "Nine Inch Nails Plan 'Two New Major Works' for 2017". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2026-01-10. 
  56. "NOT THE ACTUAL EVENTS BRAND NEW NINE INCH NAILS DIGITAL + PHYSICAL COMPONENT". Nine Inch Nails. Consultado o 2026-01-10. 
  57. Lockett, Dee (2016-12-16). "Nine Inch Nails Are Releasing a New EP Next Week – Oh Yeah, and Atticus Ross Is an ‘Official’ Member Now". Vulture (en inglés). Consultado o 2026-01-10. 
  58. Young, Alex (2017-01-09). "Nine Inch Nails to make live comeback at NYC's Panorama Music Festival". Consequence (en inglés). Consultado o 2026-01-12. 
  59. ""Twin Peaks" Part 8 (TV Episode 2017) - Soundtracks - IMDb" (en inglés). Consultado o 2026-01-12. 
  60. Crawford, John (2017-07-15). "ADD VIOLENCE - NEW EP COMING 21 JULY". nine inch nails (en inglés). Consultado o 2026-01-12. 
  61. "NEWS: Nine Inch Nails confirm ‘Not The Actual Events’ is part of a trilogy; two EPs imminent!". DEAD PRESS! (en inglés). Consultado o 2026-01-12. 
  62. "Trent Reznor’s Soundtrack To The Apocalypse". Village Voice. Consultado o 2026-01-12. 
  63. Melendez, Monique (2018-03-15). "A New Nine Inch Nails EP Is Coming Soon". SPIN (en inglés). Consultado o 2026-01-12. 
  64. "NINE INCH NAILS To Release 'Add Violence' EP Next Week; 'Less Than' Song Streaming". BLABBERMOUTH.NET (en inglés). 2017-07-13. Consultado o 2026-01-12. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]